III Concurso

 

CONVOCATORIA DO III CONCURSO INTERUNIVERSITARIO DE INTEGRIDADE ACADÉMICA NO SUG

 

O Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia composto polos grupos GIACE da UDC,
IDEA da USC e GIE da UVigo, convoca o III Concurso Universitario de Integridade Académica no SUG.

 

 

OBXECTO DO CONCURSO

O obxecto do concurso é a realización dun cartel sobre as condutas e prácticas que debe ter en conta e poñer en práctica o alumnado co fin de evitar accións contra a integridade académica. A finalidade céntrase en concienciar e potenciar a cultura ética e a responsable na integridade académica na Educación Superior. 

BASES  DO CONCURSO 

1. Participantes  

Poderá participar o alumnado (de grao, máster e doutoramento) das Facultades e centros das tres universidades públicas galegas (UDC, USC e UVigo). O cartel realizarase individualmente


2. Temática 

O cartel terá que reivindicar as condutas e prácticas que o alumnado debe poñer en uso para evitar accións contra a integridade académica nun ou varios dos seguintes aspectos:

 

Accións deshonestas nos exames:

  • Empregar “costeletas” para copiar nun exame.
  • Empregar dispositivos tecnolóxicos (móbiles, tabletas, auriculares sen fíos,...) para copiar nun exame.
  • Copiar dun o dunha compañeiro/a durante un exame.
  • Permitir que un ou unha compañeiro/a me copie durante un exame.
  • Suplantar a outra persoa nun exame.
  • Permitir que outra persoa me suplante nun exame.
  • Compartir na Internet un exame.
  • Conseguir un exame dun o dunha compañeiro/a que xa o realizou.
  • Vender un exame.
  • Mercar un exame.
  • Negar estar a copiar nun exame cando se está facendo.
  • Utilizar un pretexto falso para pedir aprazar un exame.

 

Accións deshonestas nos traballos   

  • Entregar como propio un traballo completo descargado da Internet, sen modificalo.
  • Facer un traballo a partir de fragmentos copiados literalmente sen pór os/as autores/as.
  • Engadir referencias bibliográficas non consultadas nun traballo.
  • Excluír nun traballo referencias bibliográficas consultadas. 
  • Presentar como propia unha obra traducida literalmente da Internet, que foi escrita noutro idioma.
  • Incluír fotografías, imaxes, vídeos, etc. nun traballo sen pedir autorización para o seu uso.
  • Utilizar un pretexto falso para pedir aprazar a entrega dun traballo. 
  • Presentar como propio un traballo doutro/a alumno/a.  
  • Mercar ou vender un traballo.
  • Incluír datos falsos nun traballo. 
  • Entregar como propio un traballo completo realizado mediante intelixencia artificial.


Accións deshonestas cara o profesorado  

  • Falsificar documentos académicos (certificados de notas, etc.)  
  • Omitir a comunicación ao profesorado de casos de fraude cometidos por outros/as alumnos/as. 
  • Utilizar un pretexto falso para xustificar a non asistencia a clase. 
  • Inventar problemas persoais para que o/a profesor/a modifique a cualificación da avaliación.
  • Falsificar a sinatura dun ou dunha profesor/a nun documento. 


Accións deshonestas cara os/as compañeiros/as   

  • Incluír a un ou unha compañeiro/a nun traballo en cuxa elaboración non participou.  
  • Negarse a cooperar nun traballo en equipo.
  • Menosprezar as achegas dun ou dunha compañeiro/a nun traballo.
  • Danar o material de traballo dos/das compañeiros/as.
  • Interferir na realización das actividades académicas dos/das compañeiros/as. 

 

3. Características técnicas

As propostas  deberán atender ás seguintes  características técnicas:

 

  • O formato será cartel.
  • O cartel realizarase en formato dixital (presentación horizontal). DIN A4 ou DIN A3
  • A resolución mínima de imaxes será de 300 pp.  
  • O cartel deberá presentarse en galego e castelán.
  • O cartel deberá ser orixinal e inédito e non poderá incluír imaxes con dereitos de autoría.
  • No cartel non se incluirá a autoría de quen o presenta, así como calquera outra referencia que permita a súa identificación.
  • O arquivo enviarase en formato jpg e pdf nun arquivo  identificado da forma seguinte: apelido_apelido_nome_siglas da universidade (UDC/USC/UVigo).

 

4. Prazo de presentación 

O prazo de presentación será dende o día seguinte da publicación das bases na páxina web https://integridadacademica.com e naquelas propias das Facultades e centros implicados, ata o día 30 de maio de 2025  ás 24:00 horas.

 

5. Forma de envío dos traballos 

  • Os traballos deberán remitirse  en formato electrónico xunto coas versións en jpj e pdf para galego (Ga) e castelán (Cas):
    • nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Ga. jpg
    • nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Cas. jpg
    • nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Ga.pdf
    • nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Cas.pdf

Exemplo: 

jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Ga.jpg 
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Cas.jpg  
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Ga.pdf 
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Cas.pdf 

 

 

  • Certificado de estar matriculado/a nun título de grao ou máster nalgunha das Facultades ou centros das tres universidades publicas do SUG.
    O nome deste arquivo deberá referenciarse como nome_apelido_apelido_sigla Universidade_matrícula 

Exemplo: 

jesus_munoz_cantero_UDC_matricula 

 

  • Os documentos (cartel en jpg e pdf en galego e castelán e documento de matrícula) deberán enviarse o seguinte enderezo:

              concurso@plaxio.org

 

  • No corpo do mensaxe deberán incluírse os seguintes datos do/a  participante:
    • Nome e apelido do/a autor/a, 
    • Facultade, 
    • Universidade, 
    • Titulación que cursa, 
    • Curso, 
    • Correo electrónico (institucional)

 

6. Premios 

  • Concederase un único premio por cada Universidade. O premio consistirá nunha Tableta GALAXY TAB A9+ WIFI 64GB  (a comisión se reserva o dereito de modificar o modelo por cuestións de existencias) 
  • Darase certificado para o 2º e 3º premio.

 

7. Criterios de valoración 

  • A mensaxe sobre a integridade académica.
  • A calidade técnica.
  • A orixinalidade.
  • A creatividade.  

 

8. Aceptación das bases 

A participación no concurso implica a aceptación das bases.   

As persoas que participen, responsabilizaranse da súa orixinalidade e autoría. A participación fraudulenta dará lugar á exclusión da solicitude presentada, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen esixirse pola mesma.  

 

9. Xurado 

  • As persoas que formarán parte do xurado serán os/as Vicerreitores/as de Investigación das tres universidades ou en seu defecto, os/as decanos/as das tres Facultades de Ciencias da Educación das tres Universidades e cinco membros do Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia. 
  • A  resolución do xurado será inapelable e se o considera conveniente poderá deixar o premio deserto. 

 

10. Dereitos de propiedade 

  • A propiedade intelectual dos traballos será dos/das participantes, se ben a organización poderá facer uso deles como mecanismos de difusión nas súas redes sociais, sempre que non supoñan  ánimo de lucro, polo que non se poderá comercializar con eles.
  • O Grupo interuniversitario resérvase o dereito a procesar, adaptar, modificar e corrixir con total liberdade os traballos gañadores co fin de adaptalos ás necesidades propias do obxecto do concurso.