CONVOCATORIA DO III CONCURSO INTERUNIVERSITARIO DE INTEGRIDADE ACADÉMICA NO SUG
O Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia composto polos grupos GIACE da UDC,
IDEA da USC e GIE da UVigo, convoca o III Concurso Universitario de Integridade Académica no SUG.
OBXECTO DO CONCURSO
O obxecto do concurso é a realización dun cartel sobre as condutas e prácticas que debe ter en conta e poñer en práctica o alumnado co fin de evitar accións contra a integridade académica. A finalidade céntrase en concienciar e potenciar a cultura ética e a responsable na integridade académica na Educación Superior.
BASES DO CONCURSO
1. Participantes
Poderá participar o alumnado (de grao, máster e doutoramento) das Facultades e centros das tres universidades públicas galegas (UDC, USC e UVigo). O cartel realizarase individualmente
2. Temática
O cartel terá que reivindicar as condutas e prácticas que o alumnado debe poñer en uso para evitar accións contra a integridade académica nun ou varios dos seguintes aspectos:
Accións deshonestas nos exames:
- Empregar “costeletas” para copiar nun exame.
- Empregar dispositivos tecnolóxicos (móbiles, tabletas, auriculares sen fíos,...) para copiar nun exame.
- Copiar dun o dunha compañeiro/a durante un exame.
- Permitir que un ou unha compañeiro/a me copie durante un exame.
- Suplantar a outra persoa nun exame.
- Permitir que outra persoa me suplante nun exame.
- Compartir na Internet un exame.
- Conseguir un exame dun o dunha compañeiro/a que xa o realizou.
- Vender un exame.
- Mercar un exame.
- Negar estar a copiar nun exame cando se está facendo.
- Utilizar un pretexto falso para pedir aprazar un exame.
Accións deshonestas nos traballos
- Entregar como propio un traballo completo descargado da Internet, sen modificalo.
- Facer un traballo a partir de fragmentos copiados literalmente sen pór os/as autores/as.
- Engadir referencias bibliográficas non consultadas nun traballo.
- Excluír nun traballo referencias bibliográficas consultadas.
- Presentar como propia unha obra traducida literalmente da Internet, que foi escrita noutro idioma.
- Incluír fotografías, imaxes, vídeos, etc. nun traballo sen pedir autorización para o seu uso.
- Utilizar un pretexto falso para pedir aprazar a entrega dun traballo.
- Presentar como propio un traballo doutro/a alumno/a.
- Mercar ou vender un traballo.
- Incluír datos falsos nun traballo.
- Entregar como propio un traballo completo realizado mediante intelixencia artificial.
Accións deshonestas cara o profesorado
- Falsificar documentos académicos (certificados de notas, etc.)
- Omitir a comunicación ao profesorado de casos de fraude cometidos por outros/as alumnos/as.
- Utilizar un pretexto falso para xustificar a non asistencia a clase.
- Inventar problemas persoais para que o/a profesor/a modifique a cualificación da avaliación.
- Falsificar a sinatura dun ou dunha profesor/a nun documento.
Accións deshonestas cara os/as compañeiros/as
- Incluír a un ou unha compañeiro/a nun traballo en cuxa elaboración non participou.
- Negarse a cooperar nun traballo en equipo.
- Menosprezar as achegas dun ou dunha compañeiro/a nun traballo.
- Danar o material de traballo dos/das compañeiros/as.
- Interferir na realización das actividades académicas dos/das compañeiros/as.
3. Características técnicas
As propostas deberán atender ás seguintes características técnicas:
- O formato será cartel.
- O cartel realizarase en formato dixital (presentación horizontal). DIN A4 ou DIN A3
- A resolución mínima de imaxes será de 300 pp.
- O cartel deberá presentarse en galego e castelán.
- O cartel deberá ser orixinal e inédito e non poderá incluír imaxes con dereitos de autoría.
- No cartel non se incluirá a autoría de quen o presenta, así como calquera outra referencia que permita a súa identificación.
- O arquivo enviarase en formato jpg e pdf nun arquivo identificado da forma seguinte: apelido_apelido_nome_siglas da universidade (UDC/USC/UVigo).
4. Prazo de presentación
O prazo de presentación será dende o día seguinte da publicación das bases na páxina web https://integridadacademica.com e naquelas propias das Facultades e centros implicados, ata o día 30 de maio de 2025 ás 24:00 horas.
5. Forma de envío dos traballos
- Os traballos deberán remitirse en formato electrónico xunto coas versións en jpj e pdf para galego (Ga) e castelán (Cas):
- nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Ga. jpg
- nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Cas. jpg
- nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Ga.pdf
- nome_apelido_apelido_sigla Universidade_cartel_Cas.pdf
Exemplo:
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Ga.jpg
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Cas.jpg
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Ga.pdf
jesus_munoz_cantero_UDC_cartel_Cas.pdf
- Certificado de estar matriculado/a nun título de grao ou máster nalgunha das Facultades ou centros das tres universidades publicas do SUG.
O nome deste arquivo deberá referenciarse como nome_apelido_apelido_sigla Universidade_matrícula
Exemplo:
jesus_munoz_cantero_UDC_matricula
- Os documentos (cartel en jpg e pdf en galego e castelán e documento de matrícula) deberán enviarse o seguinte enderezo:
concurso@plaxio.org
- No corpo do mensaxe deberán incluírse os seguintes datos do/a participante:
- Nome e apelido do/a autor/a,
- Facultade,
- Universidade,
- Titulación que cursa,
- Curso,
- Correo electrónico (institucional)
6. Premios
- Concederase un único premio por cada Universidade. O premio consistirá nunha Tableta GALAXY TAB A9+ WIFI 64GB (a comisión se reserva o dereito de modificar o modelo por cuestións de existencias)
- Darase certificado para o 2º e 3º premio.
7. Criterios de valoración
- A mensaxe sobre a integridade académica.
- A calidade técnica.
- A orixinalidade.
- A creatividade.
8. Aceptación das bases
A participación no concurso implica a aceptación das bases.
As persoas que participen, responsabilizaranse da súa orixinalidade e autoría. A participación fraudulenta dará lugar á exclusión da solicitude presentada, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen esixirse pola mesma.
9. Xurado
- As persoas que formarán parte do xurado serán os/as Vicerreitores/as de Investigación das tres universidades ou en seu defecto, os/as decanos/as das tres Facultades de Ciencias da Educación das tres Universidades e cinco membros do Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia.
- A resolución do xurado será inapelable e se o considera conveniente poderá deixar o premio deserto.
10. Dereitos de propiedade
- A propiedade intelectual dos traballos será dos/das participantes, se ben a organización poderá facer uso deles como mecanismos de difusión nas súas redes sociais, sempre que non supoñan ánimo de lucro, polo que non se poderá comercializar con eles.
- O Grupo interuniversitario resérvase o dereito a procesar, adaptar, modificar e corrixir con total liberdade os traballos gañadores co fin de adaptalos ás necesidades propias do obxecto do concurso.